top of page
Enfornado

As imaxes e cartas que adornan as paredes da Tafona de Herminia | Imaxes cedidas

A historia de Herminia Rodríguez

Despois de botar os ingredientes no recipiente, Galicia, e mesturalos con dozura obtivemos a masa da diversidade cultural. O seguinte paso da receita é o enfornado. Unha vez contadas as orixes e a historia xudía, toca meter no forno o que xa sabemos para chegar ao ansiado resultado final. Coceremos a fogo lento a mestura obtida na Tafona de Herminia.

 

Na rúa Porta Nova de Arriba, de Ribadavia, atópase esta peculiar tafona pola que parece non ter pasado o tempo. As paredes están decoradas con utensilios de ferro para o campo, fotografías de ilustres visitantes do local, cestas… todo arredor dun enorme forno de pedra.

 

Herminia comezou a elaborar doces xudeus fai case 30 anos, anteriormente axudaba ao seu marido na panadaría que el tiña. Ela interesouse polo que se facía antigamente no pobo e quixo recuperar as raíces doces de Ribadavia. Comezou a elaborar rosquillas, típicas da zona, e pirulís, que teñen a súa orixe no século XV cando chega o azucre de Cuba. Máis tarde, dende o Concello tentaron convencela de que fixera repostería, porque o seu negocio é o único que conserva un forno de pedra desas características, pero ela negouse.

Fai tres décadas, o Centro de Estudos Medievais pediulle a Herminia que puxera unha mesa na porta do negocio con repostería, para un grupo de xudeus de Canadá que ían dar un concerto de música sefardí. Ante dita situación ela accedeu, elaborou varios pasteis, entre eles mamules, o único doce hebreo que sabía facer pero non vendía. Ensináralle a receita, cando era cativa, unha muller que vivira moitos anos con xudeus en Venezuela. Os mamules esgotáronse e para adornar o resto da confitería a Herminia ocorréuselle facer unha estrela de David con azucre glass, o que emocionou aos visitantes.

 

Pasado un tempo, un matrimonio de xudeus, que vivía en Vigo, mandoulle unha fotocopia dun receitario. Pouco a pouco Herminia comezou a elaborar estes pequenos manxares sefardís.  Un día apareceu na tafona un home estranxeiro que non falaba ben o español, e tras unha conversación contoulle á muller que era o “encargado de económicas de Israel en España”, como di a reposteira. O diplomático deixoulle o seu contacto e o da embaixada. Grazas á súa axuda Herminia conseguiu ingredientes como as sementes de papoula, que aquí non se vendían. Na actualidade xa son os seus fillos quenes, a través de internet, abastecen á Tafona.

Aos seus 81 anos Herminia érguese ás tres da mañá para comezar o proceso de elaboración dos seus doces artesanais. O primeiro que fai é o mamul, que necesita maior tempo de coción, os últimos son o cardamomo e os bocadiños de améndoa. Como ela mesma confesa, non é capaz de estar quieta, e levar o negocio é pura paixón. Herminia prepara estas pequenas delicias atemporais e atende a Tafona ela soa. Recoñece que non quere traballar con ninguén ao seu lado, ela fai e vende. Estes pequenos anacos de cultura hebrea so se poden mercar na Tafona de Hermina, xa que non quere vendelos noutros sitios, “non traballo para ninguén”. Abre a porta deste recunchiño multicultural, onde unha virxe e un candelabro de nove brazos comparten andel, ás nove da mañá e bota a cerradura sobre as 18:30, a menos que venda todos os doces e “peche por fin de existencias”, como reza o cartel que colga na cristaleira da antiga porta.

 

Os doces que máis se venden son os do “surtido”, composto por 11 pastiñas, feitas con ingredientes moi especiais e moito amor. Herminia conta que o que máis gusta entre os mozos e o de sementes de papoula, que é afrodisíaco, probade e xa nos contaredes se fai efecto! Entre os maiores agrada máis o de améndoas.

 

 

 

DSC_3659.jpg

Herminia na súa tafona | Imaxe propia

A receita da diversidade cultural está conformada por ingredientes de diferentes procedencias, ao igual que os clientes da Tafona de Herminia. Os compradores veñen de todo o mundo, dende Brasil a Rusia, e como non de Israel. Os turistas que visitan Ribadavia poden percorrer a historia e perderse nas rúas da vila coas visitas guiadas organizadas pola Oficina de Turismo, rutas que dende fai uns anos pasan pola tafona,  onde os visitantes non poden resistirse a probar os doces.

1544730836668.jpg

 

 

 

Pero este local non só está transitado por turistas. Son moitas as autoridades relixiosas xudías e os personaxes recoñecidos do noso país que caen na tentación máis doce. Os veciños do pobo son os menos consumidores, Herminia conta que non adoitan mercar se non teñen visitas. Mariano Rajoy e Jose María Aznar, ex presidentes do goberno, Fernando Romay, ex xogador de baloncesto, ou Manuel Fraga, ex presidente da Xunta de Galicia, foron algunhas das celebridades que acudiron a este recunchiño histórico. Aínda que a máis impactante para Herminia foi a dos membros do Tribunal Supremo.

 

Os fieis do xudaísmo que van á tafona séntense agradecidos por esta homenaxe á súa cultura, polo que como conta Herminia, deixan moi boas propinas. Outros fanlle chegar diferentes obxectos, por exemplo un rabino envioulle un billete de colección de Israel, que agora decora a vitrina da entrada do local.

 

Os doces hebreos e o peculiar carácter desta muller traspasan fronteiras. Son moitos os que queren contar a súa historia. Xornais como El País, diario de maior tirada en España, e  The New York Times, dedicaron follas ás delicias xudías de Ribadavia, e televisións como a Sexta deron a coñecer a Herminia.

 

 

Nunha ocasión Herminia elaborou o pan do Shabat para unha comida de rabinos. Un dos relixiosos, ao rematar, camiñou ata a tafona para agradecer a súa labor. Ao bater as portas do local encontrouse coa muller, agarrouna polos ombreiros e deulle dous bicos. Herminia quedou moi sorprendida, porque coñecía que non se lle pode dar a man aos rabinos. Posteriormente contou a anécdota a un xudeu, que lle dixo que o rabino a bicara porque a consideraba dos seus.


 

Estes manxares culturais probablemente irán á tumba con Herminia. Os seus fillos non queren facerse cargo da tafona. Con ela morrerá unha parte de Ribadavia. Antes quería deixar todo o que garda como un segredo de estado ao museo da vila, pero agora está a cambiar de opinión. Confesa que se os seus fillos quedan sen traballo e teñen as receitas poden facerse cargo do negocio, e tal e como está o panorama un seguro coma este a todos nos gustaría. Esperamos que a Herminia e aos seus doces lle queden moitos anos por diante.

 

Unha vez que temos forneados e ben quentiños os nosos doces, tomamos un descanso, deixamos arrefriar, e comezamos a degustar! Esperamos que deixárades sitio para a sobremesa, porque no seguinte apartado ides a poñervos as botas!

Herminia na súa tafona | Imaxes propias

Herminia Rodríguez

Herminia Rodríguez

Reproducir video

Entrevista a Herminia Rodríguez | Elaboración propia

Que famoso xornal estadounidense lle fixo unha entrevista a Herminia

bottom of page